Saúdos dende Francia de novo.
Hoxe foi día de talleres: despois de tres días con múltiples actividades, hoxe e mañán toca plasmar todo o aprendido.
Esta mañán tivemos un encontro con Marietta Karamanli, unha deputada da Asemblea Nacional Francesa. Foi interesante ver o punto de vista dunha mestra que se dedica á política institucional dende hai anos. Falamos e debatimos sobre ecoloxía, ideoloxía, problemas de mobilidade... Faltaron temas importantes que marcan as vidas das persoas -coma o traballo ou a vivenda-, pero foi moi interesante e emocionante escoitar a mozas, mozos e adultos debatir sobre política.
A continuación, desenvolvéronse os distintos talleres:
- Debate sobre problemas que afectan ao mundo urbano.
- Escape game (con preguntas e retos a resolver con axuda do aprendido os días
anteriores).
- Redacción dunha carta para enviar a distintas institucións políticas. Nela, a
mocidade do proxecto FOCUS formula propostas para mellorar as vidas das persoas
que viven nas cidades.
- Reportaxe fotográfica acerca da semana en Francia e todas as actividades
desenvolvidas.
Ao mesmo tempo que traballamos, en distintos turnos, tivemos a gran oportunidade de recibir unha clase de iniciación ao parkour, un deporte urbano que naceu en Francia nos anos 90, cando un militar do exército francés, xa retirado, decidiu facer na cidade moitos exercicios que aprendera no exército nos exercicios de supervivencia que realizaban, pero non con fins militares, por suposto.
O final do día estivo marcado por unha cea na que, segundo relatan as nosas rapazas e rapaces do proxecto, houbo un ambiente estupendo.
Como siempre deixamos algunhas instantáneas da xornada.
Ata mañán, xa dende París.
Grazas por seguirnos.