venres, 22 de novembro de 2019


21 e 22 de novembro:
Moi boas de novo:
Onte e hoxe, dende as oito da mañán e ata a unha da tarde, todo o grupos Erasmus+ traballou arreo.
Os nosos rapaces e rapazas, en grupos internacionais novamente, protagonizaron catro talleres sobre distintos aspectos estudados estes días pasados:
  • Lixo: este grupo estudiou e experimentou con distintos tipos de residuos e fixeron propostas para mellorar a xestión e tratamento do lixo na cidade de Bad Nenndorf. Hoxe presentaron os seus resultados, plasmados nalgúns dos posters que vos amosamos.
  • Transporte: utilizando os datos obtidos durante estes días e traballando con distintas persoas, os nosos rapaces e rapazas investigaron a incidencia do uso dos coches sobre o planeta, achegáronse aos distintos medios de transporte e ao seu efecto sobre a natureza, e aportaron catro alternativas ecolóxicas ao uso do coche. Hoxe presentaron, dixitalmente, os seus traballos e conclusións.
  • Expansión urbana: este grupo, utilizando mapas e fotos aéreas da cidade de Bad Nenndorf, investigaron como se foi ampliando o espazo urbano dende 1951 ata a actualidade, contabilizando o número de novas vivendas, o aumento da área urbana, a perda de superficie agraria, os problemas para a poboación dese crecemento... Finalmente, hoxe presentaron as súas conclusións e aventuraron como será Bad Nenndorf en 1960 se medra dunha maneira equilibrada e respectuosa co medio ambiente.
  • Insectageddon: neste grupo a investigación xirou arredor da importancia dos insectos na natureza, centrando a atención fundamentalmente nas abellas. Ademais, dentro do taller elaboraron varios hoteis para insectos que levamos con nós para Santiago. Hoxe expuxeron as súas conclusións e amosaron as súas fermosas vivendas para insectos.
Pero non todo foi traballar e onte pola tarde puidemos volver a Hanover, onde fixemos un pequeno percorrido por algúns dos lugares máis destacados da cidade. Despois, 80 minutos de tempo libre que os nosos rapaces e rapazas disfrutaron un montón.

Xa para rematar, hoxe, ao rematar as presentacións, a alegría contaminou o ambiente dunha maneira estupenda cando nos sacamos a foto final de grupo. Saltaron, riron, gritaron... e foi fermoso velos e acompañalos.
Esta tarde irán á bolera (algunha foto veredes na entrada de mañán) e pasarán as súas últimas horas coas súas familias en Alemaña.
Mañán pola mañá voamos cara España.
Grazas por seguirnos.