venres, 6 de marzo de 2020

6 Marzo, último día

Moi boas: mañán xa volta o grupo Erasmus+ despois desta excitante e esgotadora semana visitando Varsovia, Nowa Huta e Cracovia.
Moitas experiencias, moitas visitas a lugares inolvidables, nomes de persoas que nos quedan na cabeza, abrazos entre rapaces e rapazas de 12 a 16 anos que compartiron moito máis que visitas culturais.
Hoxe rematamos sinxelamente, amosando os resultados dos talleres realizados, resultados que tiveron que presentar ante todo o grupo (en inglés, por suposto). Foi moi interesante escoitalos, velos comprometerse e implicarse no reto que tiñan que cumprir.











Ademais, tamén queremos amosarvos un pouquiño (moi pouquiño) das actividades que fixeron cos seus amigos e "familias polacas" durante estes días.





Ata mañán e grazas por seguirnos.
Foi un pracer achegarvos as experiencias que todas as persoas do proxecto FOCUS temos vivido estes días.
Deixamos algunhas imaxes da despedida.





xoves, 5 de marzo de 2020

5 de Marzo. Workshops

Ola: de novo con vós para contarvos as actividades que estivemos a desenvolver hoxe.
Estamos xa no penúltimo día de proxecto en Polonia, así que foi o momento para facer os talleres que sempre marcan os dous últimos días dos encontros internacionais Erasmus+. Con eles pretendemos fixar os coñecementos aos que nos achegamos nas visitas dos tres días previos e crear os produtos que os avaliadores do proxecto considerarán para determinar se o noso proxecto cumpre os requisitos esixidos. O certo é que cremos que si!

Aínda que mañán poderedes ver ás persoas do erasmus+ en acción (presentacións dos seus traballos e propostas), o groso do traballo de preparación realizouse hoxe, entre as 8:30 e as 12:30 horas e consistiu en desenvolver catro talleres (traballando en grupos internacionais e co inglés como lingua vehicular) que resumimos brevemente:

- Modeling Warsaw: neste taller presentarán, coa creación de mapas, a evolución da cidade de Varsovia dende o medievo ata a actualidade, ademais de crear a que para as persoas do grupo sería a cidade ideal.

- Report about Warsaw and Nowa Huta: este é o grupo dos "xornalistas", encargados de facer un informe sobre estas dúas cidades e o que elas encerran.

- Revitalization of the school area: este grupo está estudando a área circundante á nosa escola polaca socia (https://stronarasz.idu.edu.pl/) para formular ao Concello as melloras ou necesidades que pensan pode mellorar o barrio (non necesariamente construír ou mercar cousas, senón sobre todo repensar as prioridades na zona).

- Narutowicza square social research: con moito traballo de campo, este grupo está estudando esta praza cercana á escola, preparando entrevistas e entrevistando ás persoas que a utilizan como lugar de traballo, de paso... Froito desa observación e dos resultados obtidos, mañán terán que propor alternativas aos problemas da praza e decidir que planificación urbanística sería máis axeitada neste lugar.

Nas fotografías quixemos amosarvos como é esta escola Bednarska tan curiosa, que naceu como un modelo de escola libre que quería construír democracia en Polonia e que ten no gran pedagogo Janus Korcak a gran fonte de inspiración.






Máis tarde, despois de comer no comedor do colexio, visitamos a Planta de tratamento de auga máis antiga de Polonia (137 anos a contemplan), que se salvou de ser borrada do mapa na II Guerra Mundial grazas á sabotaxe que fixeron dous dos seus traballadores polacos cando os nazis a ían facer estoupar. Grazas á súa valentía disfrutamos hoxe duns espazos subterráneos que nos marabillaron, ademais de comprender un pouco o proceso que experimenta a auga dende que é captada no río Vístula ata que sae da instalación para ser usada nas casas de Varsovia.










Pola tarde, xa coas familias, distintos plans: patinaxe e trampolíns son algúns deles, pero xa nos contarán mañán...
Como sempre, ata mañán, día importante, e grazas por seguirnos.

mércores, 4 de marzo de 2020

4 de Marzo, Cracovia, Nowa Huta

Novamente con vós, queremos contarvos que hoxe visitamos Cracovia e, moi especialmente, Nowa Huta, o perfecto exemplo soviético do que debía ser un exemplo de cidade comunista.
Todo o grupo internacional que conformamos o proxecto FOCUS tivemos que madrugar para desprazarnos ás 6:30 da mañán en autobús ata o noso destino, a onde chegamos ás 10:30horas.
Foi un longo desprazamento pero pagou a pena con creces, e cremos que o ides entender ben a través desta crónica.

Separados en tres grupos e acompañado cada grupo por un estupendo guía, visitamos a fábrica de aceiro que orixinou esta cidade, unha fábrica creada tras a II Guerra Mundial e que empregaba a case 15000 persoas, saíndo desta fábrica máis aceiro que a produción anual de países como Suecia.

Na fábrica visitamos o edificio da Administración, ocupado polos dirixentes e principais enxeñeiros da instalación, un edificio no que, a pesar do ideario comunista de que todas as persoas eran iguais, vimos que algúns eran máis iguais ca outros.
Foi impactante retroceder 50 anos no tempo e ver todos os mobles perfectamente conservados, a sala de comunicacións, os refuxios aéreos (o medo á terceira guerra mundial durante os anos 50 e 60, en plena guerra fría, incitaba a creación deste tipo de estruturas), as máquinas de escribir ou radios da época... 
Foi tamén clarificador ver a diferenza na decoración entre o edificio da administración -en cuxo auditorio puidemos sentarnos e imaxinarnos esas reunións do Polit Bureau do Partido Comunista Polaco- e o edificio que facía de centro cultural obreiro, moito máis austero.






E despois desta viaxe no tempo, puidemos ver como é o modelo de arquitectura soviético, marcado polo realismo socialista soviético, con edificios cúbicos, sen apenas decoración, con amplas avenidas trufadas de árbores, e cun modelo de plano urbano radioconcéntrico.






Durante o paseo, soubemos da profunda relixiosidade do pobo polaco, o que forzou ao réxime comunista a permitir a construción dunha igrexa para evitar o escándalo que supuña para eles a celebración de misas de 15000 persoas en torno a unha cruz (nun país comunista, que se supuña que debía ser ateo).

Nesta liña de rebeldía, a todas as persoas do erasmus emocionou saber da loita do sindicato Solidaridad, que naceu en Gdansk e cedo foi xurdindo en moitas cidades de Polonia, tendo en Nowa Huta unha organización moi potente. Neste contexto, coñecemos os levantamentos do pobo polaco, en favor da democracia, entre 1980 e 1983, que foron moi importantes en Nowa Huta e impulsaron a chegada da democracia a Polonia. 
Desgrazadamente, valentes como Bogdanowi Wlosikowi, un estudante de 23 anos membro do movemento Solidaridad, caeron froito das balas de francotiradores que intentaban reventar as protestas.


Xa para rematar, tempo para "montar" un tanque ruso reagalado por Stalin ao exército polaco ao fin da II Guerra Mundial e, por suposto, o momento da comida para repoñer forzas grazas aos sabrosos pierogi e unha sopa quente que soubo a gloria.


E ás 4 marchamos para o centro de Cracovia (Nowa Huta na actualidade vén sendo un barrio desta cidade) e puidemos contar cunha hora e media para visitar o centro histórico da cidade: a Catedral da Magdalena, a famosa Praza do Mercado, o Castelo... Unha cidade, Cracovia, que foi capital de Polonia e que ten unha riqueza monumental extraordinaria, favorecida polo feito de que non foi bombardeada durante a II Guerra Mundial.







Ás seis tocou subir ao autobús e voltar, moi contentas e contentos, para as súas casas en Varsovia.
Que gran día!
Mañán máis!
Grazas por seguirnos!