Ola: de novo con vós para contarvos as actividades que estivemos a desenvolver hoxe.
Estamos xa no penúltimo día de proxecto en Polonia, así que foi o momento para facer os talleres que sempre marcan os dous últimos días dos encontros internacionais Erasmus+. Con eles pretendemos fixar os coñecementos aos que nos achegamos nas visitas dos tres días previos e crear os produtos que os avaliadores do proxecto considerarán para determinar se o noso proxecto cumpre os requisitos esixidos. O certo é que cremos que si!
Aínda que mañán poderedes ver ás persoas do erasmus+ en acción (presentacións dos seus traballos e propostas), o groso do traballo de preparación realizouse hoxe, entre as 8:30 e as 12:30 horas e consistiu en desenvolver catro talleres (traballando en grupos internacionais e co inglés como lingua vehicular) que resumimos brevemente:
- Modeling Warsaw: neste taller presentarán, coa creación de mapas, a evolución da cidade de Varsovia dende o medievo ata a actualidade, ademais de crear a que para as persoas do grupo sería a cidade ideal.
- Report about Warsaw and Nowa Huta: este é o grupo dos "xornalistas", encargados de facer un informe sobre estas dúas cidades e o que elas encerran.
- Revitalization of the school area: este grupo está estudando a área circundante á nosa escola polaca socia (https://stronarasz.idu.edu.pl/) para formular ao Concello as melloras ou necesidades que pensan pode mellorar o barrio (non necesariamente construír ou mercar cousas, senón sobre todo repensar as prioridades na zona).
- Narutowicza square social research: con moito traballo de campo, este grupo está estudando esta praza cercana á escola, preparando entrevistas e entrevistando ás persoas que a utilizan como lugar de traballo, de paso... Froito desa observación e dos resultados obtidos, mañán terán que propor alternativas aos problemas da praza e decidir que planificación urbanística sería máis axeitada neste lugar.
Nas fotografías quixemos amosarvos como é esta escola Bednarska tan curiosa, que naceu como un modelo de escola libre que quería construír democracia en Polonia e que ten no gran pedagogo Janus Korcak a gran fonte de inspiración.
Máis tarde, despois de comer no comedor do colexio, visitamos a Planta de tratamento de auga máis antiga de Polonia (137 anos a contemplan), que se salvou de ser borrada do mapa na II Guerra Mundial grazas á sabotaxe que fixeron dous dos seus traballadores polacos cando os nazis a ían facer estoupar. Grazas á súa valentía disfrutamos hoxe duns espazos subterráneos que nos marabillaron, ademais de comprender un pouco o proceso que experimenta a auga dende que é captada no río Vístula ata que sae da instalación para ser usada nas casas de Varsovia.
Pola tarde, xa coas familias, distintos plans: patinaxe e trampolíns son algúns deles, pero xa nos contarán mañán...
Como sempre, ata mañán, día importante, e grazas por seguirnos.