mércores, 20 de novembro de 2019



Boas noites: de novo escribimos para contar un pouco máis da experiencia estupenda que están a vivir os nosos rapaces e rapazas do proxecto FOCUS, unha iniciativa Erasmus+.
Hoxe foi o día de AUTOSTADT, a cidade do automóbil, a xoia de Volkswagen na cidade de Wolfsburgo.
Seguindo o noso estilo de traballo en grupos internacionais e utilizando o inglés como lingua vehicular, o noso alumnado estivo visitando o museo que ten adicado a multinacional alemana a cambio climático e novas enerxías.
Foi interesante calcular, a través de distintas actividades e paneis interactivos, cal é a nosa pegada ecolóxica, descubrir que relación ten a nosa vida coa dos campesiños que cultivan cacao ou café en plantacións africanas ou sudamericanas... E tamén foi fermoso coñecer formas concretas de reducir a nosa pegada ecolóxica, entender que hai outras formas de organizar a economía, a sociedade, o noso consumo... que potencien o coidado da natureza e das persoas que a habitan, empezando por nós mesmos e as persoas que producen a nosa comida e bens de consumo.
Ademais desta visita e dun pouco (moi pouco) de tempo libre para comer ou visitar outras zonas deste enorme complexo, fixemos un pequeno tour por distintas instalacións do museo, apreciando a evolución do automóbil dende o modelo T de Ford ata outros automóbiles, de nova xeración e eléctricos. Ademais, algunhas e algún de nós atendemos a unha explicación acerca da evolución das estradas dende Roma ata a actualidade.
Esto é o que fixemos, pero o que se ve é aínda mellor: as nosas rapazas e rapaces rindo cos compañeiros e compañeiras polacas, francesas, alemanas; os debates para resolver as preguntas que lles presentamos, as súas clases de polaco ou alemán...
Mañán é un día importante porque comezamos a reflexionar sobre as actividades que fomos facendo estes días. É tempo de crear e formular propostas.
Grazas por seguirnos.