Boas noites: hoxe foi un día para coñecernos e coñecer a vila de Bad Nenndorf.
Comezaron os nosos rapaces e rapazas ás 8 da mañán, asistindo a un par de clases (en inglés ou en alemán) para imaxinar e palpar como é iso dunha aula nesta escola, como se relacionan os profesores e profesoras co alumnado,…
Despois disto, aprenderon uns cuantos nomes dos seus colegas alemáns, franceses e polacos a través de distintos xogos de coñecemento nos que compartían cales eran as súas aficións ou comidas preferidas, o gusto por algún instrumento musical ou se tiñan a mesma mascota…
Despois dun pequeno descanso, chegou unha actividade para coñecer a realidade de Bad Nenndorf, prestando especial atención a diferentes aspectos relacionados coa ecoloxía: transporte, emisións de CO2, pegada ecolóxica… Fixeron esta actividade en grupos internacionais, compartindo traballo con sete rapaces e rapazas de catro nacionalidades diferentes.
Pola tarde tempo para estar coas súas familias: sabemos que algúns estiveron patinando sobre xeo e outros nun local de “escape room”.
Mañán toca Hanover, un lugar onde esperamos aprender moitas cousas e medrar en amistade coas rapazas e rapaces do proxecto Erasmus+ que compartimos.
Deixámosvos unhas fotos das primeiras actividades.
Grazas por seguirnos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario