mércores, 4 de marzo de 2020

4 de Marzo, Cracovia, Nowa Huta

Novamente con vós, queremos contarvos que hoxe visitamos Cracovia e, moi especialmente, Nowa Huta, o perfecto exemplo soviético do que debía ser un exemplo de cidade comunista.
Todo o grupo internacional que conformamos o proxecto FOCUS tivemos que madrugar para desprazarnos ás 6:30 da mañán en autobús ata o noso destino, a onde chegamos ás 10:30horas.
Foi un longo desprazamento pero pagou a pena con creces, e cremos que o ides entender ben a través desta crónica.

Separados en tres grupos e acompañado cada grupo por un estupendo guía, visitamos a fábrica de aceiro que orixinou esta cidade, unha fábrica creada tras a II Guerra Mundial e que empregaba a case 15000 persoas, saíndo desta fábrica máis aceiro que a produción anual de países como Suecia.

Na fábrica visitamos o edificio da Administración, ocupado polos dirixentes e principais enxeñeiros da instalación, un edificio no que, a pesar do ideario comunista de que todas as persoas eran iguais, vimos que algúns eran máis iguais ca outros.
Foi impactante retroceder 50 anos no tempo e ver todos os mobles perfectamente conservados, a sala de comunicacións, os refuxios aéreos (o medo á terceira guerra mundial durante os anos 50 e 60, en plena guerra fría, incitaba a creación deste tipo de estruturas), as máquinas de escribir ou radios da época... 
Foi tamén clarificador ver a diferenza na decoración entre o edificio da administración -en cuxo auditorio puidemos sentarnos e imaxinarnos esas reunións do Polit Bureau do Partido Comunista Polaco- e o edificio que facía de centro cultural obreiro, moito máis austero.






E despois desta viaxe no tempo, puidemos ver como é o modelo de arquitectura soviético, marcado polo realismo socialista soviético, con edificios cúbicos, sen apenas decoración, con amplas avenidas trufadas de árbores, e cun modelo de plano urbano radioconcéntrico.






Durante o paseo, soubemos da profunda relixiosidade do pobo polaco, o que forzou ao réxime comunista a permitir a construción dunha igrexa para evitar o escándalo que supuña para eles a celebración de misas de 15000 persoas en torno a unha cruz (nun país comunista, que se supuña que debía ser ateo).

Nesta liña de rebeldía, a todas as persoas do erasmus emocionou saber da loita do sindicato Solidaridad, que naceu en Gdansk e cedo foi xurdindo en moitas cidades de Polonia, tendo en Nowa Huta unha organización moi potente. Neste contexto, coñecemos os levantamentos do pobo polaco, en favor da democracia, entre 1980 e 1983, que foron moi importantes en Nowa Huta e impulsaron a chegada da democracia a Polonia. 
Desgrazadamente, valentes como Bogdanowi Wlosikowi, un estudante de 23 anos membro do movemento Solidaridad, caeron froito das balas de francotiradores que intentaban reventar as protestas.


Xa para rematar, tempo para "montar" un tanque ruso reagalado por Stalin ao exército polaco ao fin da II Guerra Mundial e, por suposto, o momento da comida para repoñer forzas grazas aos sabrosos pierogi e unha sopa quente que soubo a gloria.


E ás 4 marchamos para o centro de Cracovia (Nowa Huta na actualidade vén sendo un barrio desta cidade) e puidemos contar cunha hora e media para visitar o centro histórico da cidade: a Catedral da Magdalena, a famosa Praza do Mercado, o Castelo... Unha cidade, Cracovia, que foi capital de Polonia e que ten unha riqueza monumental extraordinaria, favorecida polo feito de que non foi bombardeada durante a II Guerra Mundial.







Ás seis tocou subir ao autobús e voltar, moi contentas e contentos, para as súas casas en Varsovia.
Que gran día!
Mañán máis!
Grazas por seguirnos!


Ningún comentario:

Publicar un comentario